Acordo da C.M. de Leiro e o Centro de Investigación Forestais de Lourizán

Pincha na imaxe para agrandar

ACORDO DE COLABORACIÓN ENTRE A COMUNIDADE DE MONTES DE LEIRO E O CENTRO DE INVESTIGACIÓN FORESTAL DE LOURIZÁN

 

 

A Comunidade de Montes de Leiro vai participar nun programa do Centro de Investigación Forestal de Lourizán (AGACAL, Consellería do Medio Rural) para o desenvolvemento do proxecto “Recursos xenéticos de castiñeiro para a plantación de soutos produtivos”

 

A colaboración a través do citado proxecto prantéxase cos seguintes obxectivos:

 

Obxectivo 1:  mostrar cal é a calidade exterior que debe ter a planta de castiñeiro para unha boa implantación nos montes da área atlántica de Galicia con calidade de estación suficiente para o castiñeiro.

 

Obxectivo 2: establecer un ensaio destinado á selección de novos clons para madeira mellorando a rectitude e ramosidade dos clons híbridos actualmente no mercado de plantas de viveiro, mantendo a resistencia á enfermidade da tinta, que podrece as raíces do castiñeiro en moitas localidades da Galicia Atlántica.

 

Despois de ter analizadas sobre o terreo posibles alternativas para a localización para a plantación, considerouse que  o lugar máis apropiado é na ladeira orientada ó leste que se sitúa por enriba do lugar coñecido como río de Seixos.

 

Debido á proximidade co xacemento arqueolóxico coñecido como “Mámoas  Monte da Pena II”, para a execucción da plantación seguiranse as condicións establecidas pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

Imaxe tomada no lugar onde se vai realizar a plantación.

Esta acción está dirixida pola investigadora Josefa Fernández López, xefa do Departamento de Silvicultura e Mellora, que se encarga persoalmente do control de todo o proceso para que o resultado da plantación sexa o esperado. No ensaio plantaranse 900 plantas. A plantación establecerase e manexarase cos criterios silvícolas apropiados para crear un bosque para a produción de madeira a uns 40 anos de rotación. Con esta finalidade  o compás da plantación serán  4 x 4 metros, daráselles poda de formación e de ramas ata os 5 metros e se farán rareos das plantas que vaian quedando dominadas. Este tipo de bosque podería instalarse nos mellores solos forestais dos montes da Galicia Atlántica.

 

Dende a Comunidade de Montes de Leiro estamos moi agradecidos ó Centro de Investigación Forestal de Lourizán por ternos escollido para implantar este souto. Leiro está localizada nunha zona moi castigada polos incendios forestais e todas as accións encamiñadas á reforestación  e diversificación con especies forestais na zona son benvidas.

Plantación de híbridos en condicións forestais. Foto cedida polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán

 

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

queres formar parte da nosa asociación?
Scroll Up