Eliminan eucaliptos en máis de catro hectáreas de montes de Rianxo

Pincha na imaxe para agrandar

RIANXO. A comunidade de montes da parroquia de Leiro (Rianxo) levou a cabo esta fin se semana a segunda xornada de traballos voluntarios nos montes da localidade, na que se realizaron traballos de deseucaliptización nunha superficie de máis de catro hectáreas do monte de Pena de Leiro, nas que está plantada frondosa caducifolia. Concretamente, as persoas que participaron nesta actividade medioambiental erradicaron os eucaliptos dunha plantación de castiñeiros de dous anos e doutra de caducifolia mixta (exemplares de carballos, castiñeiros, bidueiros e carballos americanos). Participaron na xornada máis de trinta voluntarios e voluntarias, contándose coa eficiente colaboración das ecobrigadas da asociación de persoas con discapacidade intelectual Amicos. Ó finalizar a xornada todos degustaron xuntos uns pinchos. “A iniciativa resultou un éxito e anímanos a acometer novos traballos a prol da biodiversidade do noso monte”, sinalan dende a citada comunidade. Os participantes fixeron uso do tapabocas de protección, mantiveron as distancias de seguridade e utilizaron xel hidroalcohólico para o lavado de mans, en cumprimento dos protocolos hixiénico-sanitarios establecidos fronte á pandemia do coronavirus. S. Souto

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

queres formar parte da nosa asociación?
Scroll Up